CONCELLOS DE BRION E AMES: NOVA EDICIÓN DO PROGRAMA INTEGRADO DE EMPREGO INSERAMES BRIÓN



Tras o éxito acadado na edición actual do Programa InserAmes Brión X, a piques de rematar, cunha porcentaxe de inserción laboral superior ao 45% das persoas participantes, os concellos de Ames e Brión porán en marcha un novo plan que comezará nas próximas semanas e rematará o 30 de outubro do 2019.

O novo programa Integrado de Emprego “InserAmes Brión XI”, financiado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria con 250.000 €, está dirixido a 100 mozas e mozos, desempregados e menores de 30 anos, dos concellos de Ames e Brión.

A duración do programa será dun ano, durante o cal as persoas seleccionadas recibirán formación teórica especializada con prácticas en empresas de diferentes áreas: comercio e atención ao público, actividades de almacén, ocio e tempo libre, limpeza, enerxías renovables, manexo de maquinaria…  Así como, formación transversal en idiomas, prevención de riscos, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional, autoemprego… e contarán coa axuda de titorías persoais para o acompañemento na busca de emprego.

O obxectivo desta nova edición é superar as porcentaxes de inserción laboral dos programas anteriores e poder acadar cifras superiores ao 50 % das persoas participantes.

Información e inscrición:
- Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames (Rúa Costaneira, 2-Urb. Aldeanova)- teléfonos 608459678 e 663711876 (María e Pablo)
- Casa da Cultura de Concello de Brión de luns a xoves de 9 a 14 horas (Dora)
- Departamento de Promoción Económica do Concello de Ames (Casa do concello, segundo andar, preguntando por Juan Carlos ou Lorena) 




 
| CONCELLO DE BRIÓN | FORMACIÓN, EMPREGO E EMPRESAS