DAQUI DARREDOR: TRANSFORMACIÓN DE ALIMENTOS E MATADOIRO MOBIL, QUERES VENDER O QUE NON CONSUMES NA CASA?

O Concello de Brión, en colaboración coa Deputación da Coruña e co AGADER, está a poñer en marcha dous proxectos moi interesantes para os pequenos produtores de horta, froiteiras, aves, coellos, doces...

CENTRO DE TRANSFORMACIÓN DE ALIMENTOS EN MONTE BALADO

O centro de transformación de alimentos, que vai estar situado no centro comercial de Monte Balado, está pensado para que estas persoas que teñen produto de horta, froita, cereal, etc poidan darlle saída a todo o produto que non consumen transformándoo en conservas, marmeladas, zumes, empanadas, doces..., con rexistro sanitario para poder consumilo na casa ou poder vendelo a tendas, restaurantes, comedores colectivos (residencias, colexios...), etc.


MATADOIRO MOBIL DE AVES E COELLOS

O matadoiro móbil está pensado na mesma liña que o centro de transformación, a idea é dispoñer dun matadoiro homologado que poida desprazarse ás casas e explotacións para poder sacrificar alí ós animais baixo todos os parámetros sanitarios e legais sen ter que levalos ó matadoiro. A finalidade é a mesma, poder darlle saída ó que non se consume na casa vendendo a tendas, restaurantes, comedores colectivos...


CHARLAS INFORMATIVAS

Para informar sobre estes dous proxectos, estanse organizando unha serie de charlas dirixidas a todo o mundo que estea interesado nas diferentes parroquias do Concello, charlas ás que está convidada toda a veciñanza de Brión pero tamén todas aquelas persoas que, sen ser deste concello, estean interesadas no proxecto.

As datas das charlas son:

- martes 22 de maio ás 10.30 h: no teleclube de Viceso
- xoves 24 de maio ás 10.30 h: no teleclube de Cornanda
- venres 25 de maio ás 20.30 h: na escola de música municipal (Brión)
- martes 29 de maio ás 10.30 h: no teleclube da Luaña
- xoves 31 de maio ás 10.30 h: no teleclube de Ons
- sábado 2 de xuño ás 10.30 h: na casa da cultura (Brión)
- martes 5 de xuño ás 10.30 h: no local social de Soigrexa- Bastavales (antiga gardería)
- xoves 7 de xuño ás 10.30 h: na casa da cultura (Brión)

Non é necesario inscribirse antes!

0 comentarios:

Publicar un comentario

 
| CONCELLO DE BRIÓN | FORMACIÓN, EMPREGO E EMPRESAS